Unha manchea de lecturas!

Outubro 9th, 2017

Antes de comezar un novo ano, dende o club queremos recomendaros aquelas lecturas das que disfrutamos ata o de agora. Estamos convencidos de que tamén vos gustarán!

Empezamos un novo curso!

Setembro 17th, 2017

O noso club de lectura empeza o novo curso compartindo impresións con Inma López Silva sobre a lectura de verán do club de adultos: Memoria de cidades sen luz.

Fixemos o percorrido por case todo o século XX seguindo as vivencias dos protagonistas da novela: a Galicia de Anxel Casal e Casares Quiroga, a Barcelona da Guerra Civil, o París ocupado polos nazis ata o maio do 68, o Bos Aires dos emigrantes galegos, Nova York e os teatros de Broadway… María Casares, Albert Camus, María Zambrano,… van pasando polas páxinas dunha novela de suspense, de memorias, de guerra, de teatro, de amor…

Quedamos encantados da conversa coa autora: falamos do trasfondo histórico da novela, dos personaxes, falamos de traduccións, de teatro, de Carlos Casares… e recomendounos o seguinto título para o noso club: Outra Idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado.

E máis poesía!

Xuño 28th, 2017

Co final de curso tamén fixemos entrega dos premios do II Certame de Poesía e, como non podía ser doutro xeito, entre os galardonados estaban algúns membros do noso club de lectura.

Os ganadores foron:

Categoria A (1º, 2º e 3º de ESO):

1º premio, Andrea Sanjurjo

Accésit, Jorge Lojo

Categoría B (4º da ESO e Bacharelato)

1º premio, Nerea Domínguez

Club de poesía

Xuño 28th, 2017

Como xa é norma da casa, as xuntanzas do club de lectura empezan sempre con poesía: recitamos os poemas que cada quen escolle ou os que, cada vez máis, compoñen os nosos incipientes poetas. Con todos eles compoñemos a nosa antoloxía de poemas, que pasa a formar parte dos fondos da nosa biblioteca e que tamén queremos partillar con vós.

Semana de Rosalía

Marzo 5th, 2017

Na semana do 20 ao 24, e para celebrar o cumpleanos de Rosalía (que xa fixo 180 anos!), preparamos na biblio un pequeno recuncho rosaliano. Alí tivemos durante os recreos a unha chea de entusiastas que nos leron o seu poema favorito de Rosalía. Aquí vos deixamos algunhas fotos.

Lecturas de adultos

Xaneiro 29th, 2017

O club de adultos xa fixo tamén as súas tarefas de trimestre; xa tivemos as reunións de outubro, novembro e decembro coas lecturas que fumos escollendo e desfrutamos de todas elas na sobremesa.

En outubro lemos A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Moitos recordamos unha época da que fomos coetáneos, as veces con morriña, outras veces con tristeza; tamén salientamos a tenrura coa que o protagonista viveu o seu primeiro amor….; gustounos a paisaxe urbana coruñesa, a vida das imprentas e das librerías, a carreira espacial. Tamén valoramos moito a trama, o suspense, o xeito de Agustín de contar a tensión que se vivía durante os últimos coletazos do franquismo.


En novembro lemos El antropólogo inocente, de Nigel Barley. É a primeira vez que lemos algo de non ficción (ata o de agora lemos novelas e algún comic) e arriscámonos a que non lle gustara a todos. Un libro sobre antropoloxía, ou mellor dito, sobre como os antropólogos intentan facer antropoloxía: o autor nos conta todas as súas desventuras durante os meses que pasa en Camerún xunto aos dowayo facendo o seu primeiro traballo de campo. O humor inglés do autor fai que sigamos con simpatía os seus encontronazos cuns indíxenas espabilados de máis. Moi recomendable, non é estrano que sexa un dos libros de antropoloxía máis vendido. Deixámosvos un pequeno resume en vídeo.

 

 

E para pechar o trimestre, en decembro lemos A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello. Estivemos acertados porque pouco despois foi escollido como mellor libro do ano pola revista dixital Fervenzas Literarias. No noso grupo de whatsapp so poidemos intercambiar comentarios positivos: tolos entrañables que van aparecendo en escena acompañando a un protagonista que vive ao tempo o seu primeiro (e tráxico) amor e o seu paso ao mundo adulto; o percorrido polo Xinzo dos primeiros anos da democracia, a descripción dos personaxes, da tristura que envolve ao protagonista, a presenza dun Carlos Casares que se presinte dende o mesmo título da novela…

O noso entusiasmo polo libro aínda aumentou cando contamos coa presenza do autor na xuntanza do club: comentounos como fora a escrita do libro, confirmounos o fondo autobiográfico da obra, ensinounos fotos e documentos, falounos da súa relación con Casares, propúxonos un encontro con Xosé Monteagudo para a nosa seguinte lectura… É unha verdadeira gozada oilo falar!

 

Pechando 2016

Xaneiro 23rd, 2017

Última reunión do trimestre, antes das vacacións de nadal. Xuntámonos todos os grupos e comentamos as obras que escolleramos: Quen dá a quenda?, de H. Cajaraville e Un monstruo viene a verme, de P. Ness. Do segundo fixemos a presentación da tradución ao galego, polo que o engadiremos nesta lingua para o curso que ven, xa que foi un libro que gustou bastante: os lectores do club coincidiron en que a historia era emocionante, que as angurias do protagonista se enganchaban no lector ao longo de todo o libro e que o autor resolvía o desenlace con tacto. Ao final da xuntanza proxectamos o trailer da película de Bayona e todos manifestamos a vontade de ver como plasma a relación entre o neno e o teixo, e como se rodan as historias que a árbore lle conta ao neno.

Co libro de Cajaraville ao final conseguimos facer o noso primeiro booktrailer, que vos deixamos aquí a ver se vos gusta. Prometemos (ameazamos) con facer algún mais!

Tamén comentamos a obra de María Menéndez Ponte, Nunca seré tu héroe. Gustounos porque recolle un montón de temas de interés para os adolescentes: o fracaso amoroso e o académico, a amistade, a relación cos pais, o paro, os embarazos non desexados, o racismo… Ben contado, fluído, con personaxes definidos, creíbles, cos que resulta doado familiarizarse… Moi recomendable!

E por último, saímos cos novos libros para empezar o ano!

 

A memoria da choiva

Novembro 29th, 2016

Hoxe tivemos a xuntanza para comentar o libro de Feijoo, que é sempre un éxito entre os nosos lectores. Un clásico dos clubs de lectura! Desta vez deixámosvos a reseña que fixo un dos participantes, sen spoilers:

Esta historia constrúese cunha sucesión de feitos macabros e sanguentos, así como cunha serie de investigacións que levan a atopar a un asasino que vinga a memoria dunha das súas antepasadas, Rosalía de Castro. O libro gustoume moito porque hai momentos de gran tensión, moi cinematográficos.

Recomendado queda a todos aquelas que aínda non experimentaran o placer de misturar Follas Novas e Seven!feijoo

Primeiras reunións!

Novembro 24th, 2016

Este luns comentamos os libros que lemos nos grupos de 1º e 2º ESO.

img_2944

O de Héctor Cajaraville pareceunos moi divertido, poético, máxico, porque o autor sabe facer xogos de palabras ben simpáticos. Pero para os que esperaban unha novela con trama e suspense non acabou de callar, mesmo ás veces se nos facía un pouco repetitivo.

Aínda así, imos intentar facer un book trailer do libro. Mentras tanto, colgamos aquí algunhas consultas que atopamos dirixidas a Divina, a ver se ela é quen de solucionar tamén estes problemas.

Querida Divina: Son o caderno máis triste do mundo; estou rodeado dun montón de libros, todos cheos de palabras ou de bonitos debuxos, pero eu… eu non teño nada! O único que fago é servir para os bolígrafos, eles fan todo o traballo, e eu nada. Estou farto! Saúdos.

Estimada Divina: verás cal é o meu caso, son un rato ao que non lle gusta o queixo e todos os meus compañeiros se rin de min. Non sei que facer, necesito a túa axuda! Bicos.

Estimada meiga Divina: son un avión e teño moito medo a voar. Que me aconsellas? Saúdos.

Querida Divina, teño un problema moi grande: son un cadro impresionista pero perdín a cor e agora parezo unha fotocopia en blanco e negro. Os demais cadros se rin de min e síntome ridículo. Que podo facer? Grazas!

Estimada Divina: son un teléfono moi tímido e cústame moito falar con descoñecidos. Espero que me botes un cable, porque os meus donos están pensando en desfacerse de min. Falamos!

Querida Divina, teño un problema moi doloroso: sempre que paso xunto a unha mesa hai unha forza misteriosa, sobrenatural, que me atrae e me fai tropezar sempre coa pata. Serei moi patoso? Ti que pensa? Saúdos.img_2947

img_2953

 

 

Un novo curso, unha nova andaina do club

Outubro 26th, 2016

img_2496

Este luns de outubro comenzamos a nova andaina do noso club para o curso 16/17. Vimos con moitas ganas e xa levamos a primeira tanda de libros para devorar. Para 1º o novo libro de Cajaraville; para 2º a novela na que se basea a nova película de Bayona; e para 3º-4º a desacougante obra de Pedro Feijoo. Premede neles e saberedes de que van!

quendamonstruoa-memoria-da-choiva

 

Se preferides, aquí tendes dúas invitacións audiovisuais: